O misterio tras o incendio

Ramón Regueiro era un garda forestal que traballaba protexendo os montes da comarca do Salnés. Un día de verán un grande incendio estendeuse polo monte do Castrove, entre os concellos de Poio e Meis. Ne extinción deste incendio foron necesarios todos os medios dispoñibles: varios camións de bombeiros, voluntarios de Protección Civil e ata hidroavións.
Despois de moitas horas de duros esforzos o incendio quedou controlado. Xa só restaba apagar uns pequenos focos de lume moi localizados.
Foi entón cando o garda Regueiro descubriu un cadáver entre as xestas aínda fumegantes. Achegouse ao corpo e comprovou abraiado que a morte non se producira polos efectos do incendio.
Quen era esa persoa? Que lle sucedera?
Esfinxe, relatos de pensamento creativo
Carlos, L. Medrano

Encadeados

Unha variante da repetición e o recurso dos encadeados, preguntas e respostas que van entrelazadas unhas noutras. Esta opción é moi abundante na literatura popular como este exemplo de preguntas e respostas encadeadas:

Tuoporoutou, pa onde vas vella?
Touporoutou, pa Redondela.
Touporoutou, que vas buscar?
Touporoutou, unha area de sal.
Touporoutou, pa que queres o sal?
Touporoutou, pa botarlle ao caldo.
Touporoutou, pa que queres o caldo?
Touporoutou, pa darlle ás mulleres.

Ou o poema de Darío Xohán Cabana:

Que importa que nos craven as cadeas?
Se o espírito segue ceibe coma o mar.
Que importa que asolaguen as bombillas?
Se non poden matar a luz do sol.
Que importa, irmán, que morra a pomba?
Se deixa os seus pombiños a voar.

Son poemas de NUNCA ACABAR. Por parellas ides facer poemas utilizando este recurso.

O rei e o primeiro ministro

O rei dun remoto país envexoso da intelixencia e dos éxitos do seu primeiro ministro, decidiu condenalo a morte. Para disfrazar o verdadeiro motivo da súa acción e dar a aparencia dun home clemente, organizou unha pequena farsa: reuniuse con toda a corte o día da execución e fixo levar ante si ao primeiro ministro. Logo o rei puxo dous papeis nun pequeno saco e díxolle:
-Nun destes papeis está escrito “morte” no outro “vida”. O papel que collas decidirá a túa sorte.
O primeiro ministro sospeitaba que a palabra “morte” estaba escrita nos dous papeis, e realmente así era. Non obstante conseguiu salvar a súa vida.
Como puido facer?
Esfinxe, relatos de pensamento creativo
Carlos L. Medrano, Editorial tresCtres

A repetición

A repetición dunha palabra, a repetición dunha frase, a repetición dunha pregunta, é un recurso literario que lle dá aos poemas ritmo pero tamén desacougo ou dramatismo.
Pensemos no poema de Celso Emilio Ferreiro:
O vello cantaba
unha lembranza.

O mozo cantaba
unha esperanza.

O neno cantaba
unha louvanza.

Pobo meu: pois que cantas,
érguete e anda.

Ou este outro de Álavaro Cunqueiro:
O cabaleiro da pluma na gorra,
meu amigo é!
O cabaleiro do verde tabardo,
meu amigo é!
Ogallá que na guerra non morra,
meu amigo é!
Non de frecha, de asta nin dardo,
meu amigo é!

Por parellas ides tentar facer poemas utilizando este recurso.

Toponimia

Os nomes de lugar, o do noso país, o da nosa vila ou aldea chámanse topónimos e estúdaos unha ciencia denominada toponimia.
A xente ten un nome co que se presenta, así mesmo aos animais se lles pon nome, o lugar onde vives, aldea ou urbanización, teñen igualmente un nome que ten un significado, aínda que non saibades cal é, a toponimia encárgase recollelos e de estudar a súa orixe. Os nomes dos lugares están reunidos nun documento que se chama nomenclátor.
En Galicia a toponimia é moi abundante e variada; se nos fixamos e a esculcamos con calma podemos atopar cousas moi curiosas, por exemplo hai unha serie de topónimos que coinciden co nome doutros países ou cidades importantes, moi próximos a nós temos unha Servia (concello de Lousame) ou un Ceilán (concello da Baña).
1.- Consulta do nomenclátor
Por grupos ides consultar a web do nomenclátor dos diferentes concellos das catro provincias de Galicia, http://www.xunta.es/nomenclator/busca.jsp, intentade localizar topónimos que concorden co nome doutros lugares do mundo. Para ver a lista dos concellos de Galicia consultade:

http://gl.wikipedia.org/wiki/Concellos_de_Galicia

Recollede e facede unha lista co nome do lugar, a parroquia, o concello e a provincia, por exemplo:
Lugar: Servia, parroquia: Sanamede do Monte, concello: Lousame, provincia: A Coruña
Lugar: O Ceilán, parroquia: Vilacova (Santa Eulalia), concello: A Baña, provincia: A Coruña.
DISTRIBUCIÓN DO TRABALLO
Alumnado de 1º A
Equipo nº 1, consultará a toponimia da provincia da Coruña desde o concello de Abegondo ata o de Cee.
Equipo nº 2, consultará a toponimia da provincia da Coruña desde o concello da Cerceda ata o de Irixoa.
Equipo nº 3, consultará a toponimia da provincia da Coruña desde o concello de A Laracha ata o de Outes.
Equipo nº 4, consultará a toponimia da provincia da Coruña desde o concello de Oza dos Ríos ata o de Zas.
Equipo nº 5, consultará a toponimia da provincia de Lugo desde o concello de Abadín ato o de A Fonsagrada.
Equipo nº 6, consultará a toponimia da provincia de Lugo desde o concello de Foz ata o de Outeiro de Rei.
Equipo nº 7, consultará a toponimia da provincia de Lugo desde o concello de Palas de Rei ata o de Xove.
Alumnado de 1º B
Equipo nº 1, consultará a toponimia da provincia de Ourense desde o concello de Allariz ata o de Entrimo.
Equipo nº 2, consultará a toponimia da provincia de Ourense desde o concello de Esgos ata o de Ourense.
Equipo nº 3, consultará a toponimia da provincia de Ourense desde o concello de Paderne de Allariz ata o de Xunqueira de Espadanedo.
Equipo nº 4, consultará a toponimia da provincia de Pontevedra desde o concello de Agolada ata o de A Estrada.
Equipo nº 5, consultará a toponimia da provincia de Pontevedra desde o concello de Forcarei ata o de Pontecesures.
Equipo nº 6, consultará a toponimia da provincia de Pontevedra desde o concello de Pontevedra ata o de Vilanova de Arousa.
2.- Elaboración de textos científicos.
Unha vez que xa tedes unha lista de topónimos galegos que son iguais a outros que están en lugares e países moi lonxe de nós, ides preparar textos, documentados, que falen deses lugares onde expliquedes onde están e cales son as súas características principais.
Primeiro tedes que buscar documentación en webs sobre o lugar e logo desenvolver o traballo, ou sexa realizar o texto, sería bo que o ilustrásedes con algunha imaxe; o texto non estará rematado ata que o documentedes, mencionar as fontes que utilizastes para facelo.

A Festa dos maios

Agora que abril está a rematar, imos buscar información e elaborar un texto sobre a festa que, en moitos sitios de Galicia, se celebra o primeiro día de maio, chámase “A festa dos maios”. Na zona de Bastavales e no concello de Rios hai un festexo, na noite do 30 de abril ao 1 de maio, que lle chaman “Alumear o pan”.
De xeito individual busca documentación e prepara un texto sobre unha destas celebracións.

Palíndromos

O dicionario define o palíndromo como: “Palabra ou frase que se le igual de esquerda a dereita que de dereita a esquerda”.
Segundo esta definición e despois de ler poemas de “A torre da derrotA” de Gonzalo Navaza, imos facer frases palindrómicas.

Monovocalismo

Dise que un texto é monovocálico cando, en toda a súa extensión, utiliza unha soa vogal. Pódense facer textos con calquera das cinco vogais pero é máis fácil usar palabras que teñan só a, e ou o.
Seguindo o esquema dunha receita: primeiro un listado dos ingrediente e despois modo de facelo ou preparación, imos escribir receitas de cociña monovocálicas.
Non esquezades de poñer os nomes dos chefs.

Cronobiografía de Rosalía de Castro

Rosalía de Castro está considerada a figura máis importante da literatura galega, ademais de ser unha das principais figuras do Rexurdimento da nosa lingua.
A cronobiografia é unha técnica de traballo que consiste en situar cronoloxicamente os momentos máis salientables da vida dunha persoa.
Imos tentar facer unha cronobiografía de Rosalía de Castro para coñecer un pouquiño a súa vida e obra. Para documentarte vas consultar a páxina oficial da Casa Museo de Rosalía, http://www.rosaliadecastro.org/, no menú entra en Rosalía, aí tes unha serie de datos e datas relacionados coa súa vida e obra, elixe só os oito que penses que son os máis importantes.

Caligramas e acrósticos

Un caligrama é un poema no que os versos forman un debuxo ou imaxe tentando reproducir a forma dun obxecto aludido nel. Imos escribir poemas caligráficos.
Un acróstico é unha composición poética onde as letras iniciais de cada verso lidas en vertical forman unha vocábulo ou frase. Agora intentámolo cos acrósticos.